Aspronaga abre unha residencia para 15 persoas con grandes necesidades de apoio
OLEIROS, 13 DE DECEMBRO DE 2019. Esta mañá, Aspronaga celebrou o acto de apertura da residencia “Martín Pou” que ofrece aloxamento a 15 persoas con grandes necesidades de apoio, en Oleiros. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen encomiou o camiño de Aspronaga desde 1962 e constatou o apoio da Administración autonómica ás persoas con discapacidade intelectual co financiamento do cento por cento das prazas residenciais.
Así, Feijóo afirmou que “estamos orgullosos de Aspronaga” porque “é unha fábrica de soños e tamén de oportunidades, de compromiso das familias, de agarimo e un exemplo para todo a sociedade”.
O acto viviu o seu momento máis especial cando Martín Pou descubriu, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, a placa na que consta que a residencia levará o seu nome, sendo a residencia “Martin Pou”. Pou, aos seus 92 anos e xunto á súa filla e resto de familiares, recibiu a homenaxe con gran emoción e entusiasmo, sendo un pioneiro na mobilización social e poñendo a primeira pedra de Aspronaga no ano 1962 e contribuíndo a un avance importante na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual.
Ademais do presidente da Xunta, interviñeron no acto Ana Capelete, residente con discapacidade intelectual; Nicanor Álvarez, presidente de Aspronaga e Martín Pou, fundador de Aspronaga. Ao acto tamén asistiron a conselleira de Política Social, Fabiola García; o secretario Xeral de Maiores e Dependencia, Ildefonso de Cámpaa e a tenente primeira do Concello de Oleiros, María José Varela.
Donación da Fundación Amancio Ortega
A construción e o equipamento do edificio da residencia “Martín Pou” foron realizados pola Fundación Amancio Ortega. Cunha superficie de 620 metros cadrados e un investimento superior a un millón e medio de euros por parte da Fundación Amancio Ortega, esta residencia para persoas con grandes necesidades de apoio está situada no municipio de Oleiros, no que xa se atopan a maioría dos servizos de ASPRONAGA. A área asistencial conta con 15 habitacións dotadas de baño, salón, comedor, cociña con área de almacenamento, lavandería e dúas salas de coidados e curas, entre outras dependencias, todas elas deseñadas e equipadas de acordo ás necesidades de mobilidade e atención que requiren os usuarios aos que está dirixida.