Aspronaga reclama que se priorice a vacinación das persoas con discapacidade intelectual
05.03.2021. 184 persoas con discapacidade intelectual, usuarias de centros e servizos de Aspronaga, e as súas familias viven con incerteza e ansiedade. O cambio de criterio no plan de vacinación, a tramos de idades, déixaos á marxe. Non saben cando poderán recibir a vacina contra o Covid19 e non entenden por que deixaron de ser vulnerables ante a pandemia.
“Son 184 persoas que estiveron meses sen poder asistir aos centros porque se pecharon, ao considerarse un colectivo altamente vulnerable. Familias que teñen medo porque, ademais de ser persoas con discapacidade intelectual, poden ter outras patoloxías asociadas”, afirma Juan Fontela, xerente de Aspronaga. “É moi importante que se priorice a vacinación a estas persoas”, continúa Fontela, “independentemente da súa idade, xa que sofren unha angustiosa inseguridade que condiciona a súa vida e, non só a súa saúde física, tamén o seu benestar emocional”.
Jose Martínez, usuario do Centro Laboral Lamastelle, teno claro: “Oxalá nos vacinen pronto. Crucemos os dedos”. Conta que a moitos amigos só venos por videoconferencia e espera poder volver estar con eles en persoa. Os seus compañeiros Eva Cea, Gabriel López e Manuel Dourado, aplauden as súas palabras. Tampouco o dubidan, queren vacinarse “xa”.
Así, Aspronaga reclama ás autoridades que priorice a vacinación das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e outórguelles unha orde primordial no plan. “A vacinación de usuarios/ as e profesionais nas residencias foi un gran avance. Hai poucos días vacinouse, tamén, aos profesionais dos centros de atención diúrna. Pero, non podemos permitirnos desprotexer ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e esquecernos das circunstancias que as converte nun grupo de risco hai un ano, hoxe e mañá”, conclúe Fontela.